Galicia conta con 102 cooperantes traballando no exterior
O rexistro de cooperantes, presentado hoxe pola Xunta, mostra unha cifra de persoal galego expatriado maior á estimada polo sector
A Coordinadora Galega de ONGD non comparte o interese do executivo de computar os e as misioneiros/as neste censo, por constituír dous colectivos con obxectivos distintos e, as veces, contrapostos
Santiago de Compostela. O 8 de setembro celébrase o Día do/a Cooperante en todo o Estado español dende que en 2006, nesta mesma data, o Consello de Ministros aprobou o estatuto do/a cooperante. A aprobación deste marco normativo, reclamado polo sector, marcou un antes e un despois na dignificación do traballo deste colectivo.
Este ano, o 8 de setembro foi a data escollida pola Xunta de Galicia para presentar o Rexistro de Cooperantes Galegos/as no Exterior, unha iniciativa proposta pola Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD) que o goberno galego incluíu no Plan Anual de Cooperación 2010. Neste documento, acordouse elaborar un censo actualizado dos “cooperantes galegos/as que desempeñan o seu labor no ámbito da cooperación ao desenvolvemento ou da acción humanitaria, tanto dun modo profesional coma voluntario” co obxectivo de “ter un mellor coñecemento da realidade do sector” e “compartir experiencias e informacións de interese”.
Os resultados do censo amosan que 102 cooperantes galegos/as traballan no eido da cooperación ao desenvolvemento, maioritariamente en América do Sur, Centroamérica e o Caribe, e que máis da metade son mulleres menores de 35 anos cunha experiencia de traballo inferior a 5 anos. Esta cifra total de expatriados/as duplica as estimacións feitas polo propio sector, o cal é valorado «moi positivamente» pola CGONGD. Acceder ao rexistro >>>>
Por outra lado, o censo tamén recolle información arredor do perfil dos e das misioneiros/as que traballan no exterior ao servizo dalgunha das cinco dioceses galegas. O interese da Xunta por computar os/as misioneiros/as nun rexistro de cooperantes non é compartido pola Coordinadora Galega de ONGD quen considera que os obxectivos fundamentais dos dous colectivos son moi distintos e, nalgúns casos, contrapostos.
É importante lembrar que os e as cooperantes que traballan no exterior o fan en prol da solidariedade entre os pobos, coa cidadanía dos países máis empobrecidos e coa vontade de acadar unha mellor calidade de vida a través da promoción e defensa dos dereitos humanos, da construción de infraestruturas básicas educativas, sanitarias, sociais e da loita contra a discriminación, a desigualdade e a inxustiza. E coidando de non modificar os hábitos culturais ou as crenzas das poboacións locais.
Cooperantes e voluntariado
Un ano máis cómpre salientar que unicamente se entende por cooperante a aqueles profesionais que traballan no exterior cunha vinculación laboral. Sen esa vinculación laboral non podemos falar de cooperantes, senón de voluntarios/as ou ben de misioneiros/as.
Precisamente este ano, o Día do/a Cooperante ben marcado por un debate en relación a idoneidade das caravanas solidarias e dos viaxes solidarios a zonas de risco. Neste sentido, a Xunta Directiva da Coordinadora Galega de ONGD ten emitido un posicionamento. Para ler o documento aceder aquí >>>
A Axencia Española de Cooperación Internacional (AECID) abriu a convocatoria de voluntariado de Nacións Unidas en axencias especializadas, fondos e organismos do sitema da ONU en 18 países distintos.
En total, convócanse 20 prazas cun período de contratación dun ano, renovable a dous. Os requisitos indispensables dos e das candidatos son: ter cumpridos os 25 anos, contar cunha experiencia mínima de cinco anos en cooperación ao desenvolvemento e ter un nivel alto de inglés.
O prazo para presentar as candidaturas remata o día 15 de setembro.
Para acceder ao listado de países de destino e as postos ofertados, acceder aquí >>>
Mans Unidas organiza na Universidade de Santiago de Compostela o curso de verán: «Contra a fame, defende a terra». O obxectivo principal destas xornadas é analizar e afondar nas causas do cambio climático, a súa influencia sobre os recursos do planeta e a relación que estes aspectos teñen coa pobreza e o desenvolvemento. Ademais, debaterase sobre as novas formas de produción como oportunidade para un desenvolvemento sostible baseado na soberanía alimentaria.
As xornadas terán lugar o próximos 8, 9 e 10 de setembro na Facultade de Ciencias Económicas da USC.
Para consultar o programa, acceder aquí >>>
O prazo de matriculación ao curso, que terá unha duración de 20 horas, estará aberto ata o mesmo día de iniciación do curso.
A liberación de Roque Pascual e Albert Vilalta, os dous voluntarios de Barcelona Acció Solidària que en novembro do ano pasado foron secuestrados en Mauritania xunto a Alicia Gámez, acabou de destapar a caixa de Pandora entre o sector das ONGD. A posta en liberade dos dous empresarios cataláns o pasado día 24 de agosto é sen dúbida unha moi boa nova. Pero o fin do secuestro deu paso a un debate que ata o de agora non tiña saído á luz por respecto e prudencia: son eficaces as caravanas solidarias como ferramenta de loita contra as causas que xeran as desigualdades e a pobreza? Ten sentido seguir a traballar neste modelo de “desenvolvemento”, antagónico aos principios da Declaración de París sobre a eficacia da axuda?
ONGD de todo o Estado español así como expertos en materia de cooperación ao desenvolvemento son escépticos en canto a funcionalidade real das caravanas solidarias e piden prudencia. A aposta dos últimos anos pola profesionalización do sector das ONGD e pola promoción dun modelo de desenvolvemento sostible, baseado no traballo conxunto coas organización locais e na xeración de cambios nas estruturas de poder, non encaixa no molde das caravanas solidarias (formadas por convoios ateigados de materiais procedentes de Europa e acompañados por persoal voluntaria non profesionalizado).
Por outra banda, voces como a da Coordinadora de ONGD - España "desaconsellan as caravanas solidarias por ser iniciativas custosas, moi perigosas e con pouco impacto nos países de destino". Pola súa banda, o presidente da Coordinadora Galega de ONGD, Xosé María Torres, afirma nun artigo de opinión publicado hoxe na Voz de Galicia que este tipo de accións non deben servir para “enviar as sobras” do Norte aos países empobrecidos. Ler artigo>>>>
Malia as críticas, Barcelona Acció Solidaria ten anunciado que o próximo ano organizará unha nova edición da caravana solidaria, que será concebida coma unha “homenaxe” ás tres persoas voluntarias secuestradas en Mauritania. Sexa coma sexa, o debate sobre as caravanas solidarias seguirá aberto os próximos meses.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.