texto

texto

Logo Comercio Xusto

Logo Coordinadora

Logo Xunta

Logo Xunta

Logo Cooperacion

Comercio Xusto "Seguramente non se poderá cambiar o mundo tanto como quereríamos ao comprar cos ollos abertos, pero mantelos pechados significa asegurar que todo permanece igual"
David Ransom

Imaxe

 

CAMPAÑAS DE SENSIBILIZACIÓN

A Campaña Roupa Limpa de Setem nace no ano 1990 en Holanda. Por medio dela as ONGD pretendían poñer en evidencia ás grandes empresas do sector téxtil, con factorías nas que se traballaba en malas condicións. A reacción inicial das transnacionais foi negar toda acusación, pero a persistencia da campaña conseguiu que a maioría delas adoptasen códigos de conduta.

En Europa, esta campaña continúa e inclúe tamén artigos como os xoguetes ou o calzado deportivo.

Recentemente rematou unha das iniciativas levadas a cabo no seo da campaña Roupa Limpa. Baixo o nome de Xoga Limpo nas Olimpíadas, leváronse a cabo diversas accións dirixidas a reivindicar os dereitos de traballadoras/es de todo o mundo que non se estaban a respectar, (xornadas de traballo excesivamente longas, sen descanso e con frecuencia sen cobrar as horas extras traballadas), para poder encher as tendas cos últimos modelos de zapatos, deportivos, roupa e accesorios, a prezos moi baixos, antes de que comezasen os Xogos Olímpicos en Atenas (verán 2004).

O bo café é bo para todos da fundación Setem: comeza no ano 1998 e continúa en activo en todo o territorio español. Céntrase no problema do comercio internacional inxusto do café.

As/os cafetaleiras/os do Sur reciben pola súa produción unha proporción ínfima do prezo que pagamos no Norte como consumidores, perpetuando isto unhas condicións sociais e laborais para as/os produtoras/es moi lonxe do mínimo que favorece a súa calidade de vida.

Consume o Xusto de Solidaridad Internacional: esta campaña desenvolveuse a nivel estatal con actos específicos en Galicia levados a cabo por Solidariedade Internacional de Galicia. O público obxectivo foron organizacións de amas de casa e consumidoras/es de Galicia. Ano 2002.

Móvete, por un comercio mais xusto e solidario, de Solidariedade Internacional de Galicia, co financiamento da Xunta de Galicia e na que se realizaron obradoiros en 40 centros de Educación Secundaria de toda Galicia. Ano 2002.

Nace un Comercio máis Humano de Fun-Solidariedad Internacional a nivel estatal pero con actos específicos na comunidade galega consistentes en charlas e conferencias dirixidas fundamentalmente ao público universitario dos campus de Ourense, Santiago e A Coruña. Achegouse tamén o comercio xusto a outras localidades como Vilagarcía e Lalín. Tamén se distribuíu unha exposición fotográfica centrada nos problemas de dous produtos: o anacardo en El Salvador e as flores en Colombia. Ano 2005.

Imaxe

Semana do Comercio Xusto da ONGD galega Amarante que ten como finalidade principal concienciar ás galegas/os sobre o importante papel que como consumidoras/es temos e a necesidade de que o empreguemos positivamente, ao tempo que aproximar á realidade das/os produtoras/es do Sur.

Lévanse a cabo conferencias, debates, obradoiros, degustacións gratuítas de produtos, accións de rúa, e actividades lúdicas.

Campañas de Nadal. Nestas datas todos os anos diferentes organizacións programan actividades. Durante as mesmas as accións céntranse en explicar como funciona o mercado “normal” dun produto e que alternativas dá o comercio xusto para o seu consumo.

Día Internacional do Comercio Xusto. Este faise coincidir co segundo sábado do mes de maio todos os anos. O habitual é organizar actos durante toda a semana: conferencias, degustacións, casetas na rúa...

Imaxe

Xunto con estas campañas, as entidades comprometidas con este comercio alternativo, levan a cabo infinidade de actividades de sensibilización: charlas en centros educativos, xornadas de formación, seminarios, obradoiros, artigos en revistas e xornais, edición de materiais didácticos, folletos, carteis... Ademais poñen a disposición das persoas interesadas diversos recursos nas suas sedes.

Pero resulta interesante facer referencia tamén neste apartado a dous movementos estreitamente relacionados, nos que organizacións galegas como a A Cova da Terra ou Amarante participan activamente.

Estamos a falar por unha banda da Soberanía Alimentaria, que reivindica o dereito dos Pobos, dos seus Países ou Unións de Estados a definir a súa política agraria e alimentaria, sen dumping fronte a países terceiros. É impulsado sobre todo por Vía Campesina (agrupación de entidades comprometidas con esta iniciativa).

Outra acción importante é o da Economía Alternativa e Solidaria, que é un movemento nacido fóra das grandes institucións, tanto económicas como políticas, que se caracteriza por ser un conxunto aberto de espazos micro-sociais, empresas, actividades, asociacións, etc. que traballan por un obxectivo común: construír unha economía baseada nas persoas, que non teña como obxectivo a xeración de beneficios para o lucro persoal, senón que responda ás necesidades da poboación. En Galicia, A Cova da Terra, participa activamente e organiza periodicamente as Xornadas de Economía Alternativa.