texto

texto

Logo Comercio Xusto

Logo Coordinadora

Logo Xunta

Logo Xunta

Logo Cooperacion

Comercio Xusto "Seguramente non se poderá cambiar o mundo tanto como quereríamos ao comprar cos ollos abertos, pero mantelos pechados significa asegurar que todo permanece igual"
David Ransom

Imaxe

O comercio xusto no mundo

Malia parecer un movemento moi novo, o comercio xusto comezou como tal xa nos anos corenta do século pasado nos Estados Unidos cando varias asociacións decidiron establecer intercambios comerciais máis xustos para as/os traballadoras/es do Terceiro Mundo. Sen embargo, foi na década dos setenta cando o fenómeno comezou a consolidarse, sobre todo despois de que na primeira conferencia da UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento) celebrada en Xenebra no ano 1964, os países do Terceiro Mundo, tras a súa recente descolonización, fixesen a afirmación: “¡Comercio, non axuda!” para demandar unha nova maneira de relación mundial.

Imaxe

Este berro de xustiza chegou aos oídos de grupos de mocidade holandeses, que decidiron abrir unha tenda de comercio alternativo no seu país, onde vendían obxectos de artesanía procedentes dos países empobrecidos como unha forma de protesta en contra das relacións comerciais pouco equitativas entre o Norte e o Sur. Esta experiencia comeza a espallarse por Europa, onde as tendas empezan a aparecer noutros países como Alemaña, Bélxica, Suecia, Suíza, Austria, Francia e Reino Unido.

Esta rede foi crecendo de maneira independente ata que nos anos 90 as diversas organizacións que ata ese momento traballaban nos diferentes países europeos se agruparon na Asociación Europea de Comercio Xusto (European Fair Trade Association, EFTA). Na actualidade, hai a nivel mundial unhas 60-70 redes deste tipo, a maioría delas en Europa.

O comercio xusto en España

En España o comercio xusto da os seus primeiros pasos no ano 1986. Nesta data xorden no País Vasco Los Traperos de Emaús, mentres que en Andalucía nacía a Cooperativa Sandino, coñecida actualmente como Iniciativas de Economía Alternativa e Solidaria (IDEAS).

O movemento difundiuse polo resto do Estado a través de organizacións como Equimercado ou Alternativa 3. Pronto se incorporaron ONG como Intermón-Oxfam, Setem ou Sodepaz. Algunhas destas organizacións comezaron a emprender tarefas de importación e distribución.

No ano 1996, nace a Coordinadora Estatal de Organizacións de Comercio Xusto, integrada na actualidade por máis de trinta membros, entre organizacións, importadoras e tendas.

Imaxe

O comercio xusto en Galicia

En Galicia houbo diversos movementos que araron a terra na que logo nacería a semente do comercio xusto. Despois dalgúns anos de esforzos, finalmente nace en Lugo a primeira tenda estable, A Cova da Terra, en 1995. Nese mesmo ano e noutro cuadrante da xeografía galega, en Vigo, nace a tenda Arao e en Santiago preséntase a primeira exposición de comercio xusto da que logo xurdir Panxea, a terceira das tendas en Galicia, nacida en 1997.

Neste momento de eclosión dos anos 90, as iniciativas tomaron diferentes camiños. Mentres Arao se constituía como unha filial de IDEAS (Iniciativas de Economía Alternativa e Solidaria), A Cova da Terra e Panxea nacen como iniciativas de asociacións independentes.

O movemento do comercio xusto propiamente galego aumentou considerablemente co establecemento de novas tendas que acompañaron ás fundadoras, das que só Arao tivo que cerrar. No ano 2002, Amarante abre a súa tenda en Pontevedra, A Factoría do Sur, e a Asociación Amigos da Terra, comeza a súa actividade no Centro Iris, en Ourense. A finais do ano 2004, Amarante e Implicadas/os no Desenvolvemento inauguran o Centro Crisol na cidade de Vigo.

Imaxe

Durante esta década dos 90, concretamente a finais de 1995, á par de todas estas accións, nacía a Coordinadora Galega de Organizacións de Comercio Xusto que funcionou ata mediados de 1998, e anos despois, retomouse a idea baixo o nome de Rede Galega de Comercio Xusto manténdose activa ata finais do ano 2004.

Actualmente, mantense o desexo da apertura dunha nova etapa desta rede a nivel galego, e de que por fin poida chegar a ser unha entidade con forza e continuidade en Galicia.

Este movemento en Galicia verase reforzado a través das iniciativas das organizacións de ámbito estatal, que desembarcaron na nosa comunidade e que hoxe teñen unha presenza relevante no noso país.
A Fundación Intermón Oxfam, que traballaba na difusión do comercio xusto en Galicia a través de campañas específicas dende 1991, abre unha tenda na cidade da Coruña no ano 2002.

Solidariedade Internacional de Galicia inicia a súa andaina no ano 1999, coa apertura dunha tenda temporal na cidade de Pontevedra. Dende entón, todos os anos instala unha tenda do Nadal en Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Ourense. No ano 2004 abre unha tenda permanente nesta ultima cidade.

Así mesmo Promoción y Desarrollo (PROYDE) leva a cabo iniciativas desde o ano 2000 no ámbito da comunidade escolar (ás/aos alumnas/os nais, pais e profesorado).

Pola súa parte, o Comité UNICEF Galicia, traballa na comunidade galega dende o ano 2002 a través do programa OZONALIA: comercio xusto e consumo responsable, aproveitando os seus nove comités provinciais e locais para a venda de produtos e difusión dos principios reitores do comercio xusto. Igualmente Axuda en acción afincada na cidade da Coruña dende 2003 vende maioritariamente produtos de alimentación.