texto

texto

Logo Comercio Xusto

Logo Coordinadora

Logo Xunta

Logo Xunta

Logo Cooperacion

Comercio Xusto "Seguramente non se poderá cambiar o mundo tanto como quereríamos ao comprar cos ollos abertos, pero mantelos pechados significa asegurar que todo permanece igual"
David Ransom

ImaxePara moitas persoas cambiar o mundo semella unha utopía inalcanzable, un esforzo imposible. Esas mesmas persoas, todas e cada unha de nós, porén, realizamos cantidade de pequenos e grandes xestos cada día, que están marcando as vidas de millóns de persoas no mundo. Como por exemplo comprar. Na nosa sociedade de consumo este é un acto do día a día que podemos converter nun acto de explotación, o máis habitual, ou de xustiza.

Isto último é do que trata o Comercio Xusto e nas seguintes páxinas tentaremos debullar o que significa e convidarvos a participar deste proceso.

Porque cambiar o mundo está máis preto do que parece.


O COMERCIO XUSTO: UNHA ALTERNATIVA NECESARIA

Cando un/ha de nós entra nunha tenda e adquire un produto, rara vez coñece as circunstancias nas que foi elaborado. Polo xeral tendemos a fixarnos no prezo, no sabor, na embalaxe, pero rara vez pensamos nas persoas que o produciron. Por exemplo, cando tes na túa man un paquete de café do supermercado, páraste a pensar:

ImaxeCanto diñeiro do que eu pago por este paquete chegará as/aos produtoras/es?

Estará producido de maneira respectuosa co medio?

Traballan nenas e nenos para producilo?

Cobrarán homes e mulleres igual?

Respectaranse os horarios laborais?

Se, con ese café na man, parasemos a pensar en todas estas cousas, seguramente as respostas nos obrigarían a deixar o paquete de volta no andel.
É así, con ese pequeno xesto de poñer no carro un produto, como contribuímos á explotación de millóns de persoas.

Pero cada vez somos máis as persoas que nos facemos conscientes dos nosos actos e os convertemos en actitudes. Decatámonos de que outro mundo mellor é posible e que iso ten que ver cos novos modelos de relación Norte- Sur. Por iso, cando un/ha de nós quere buscar un produto que se elaborase nunhas condicións de traballo dignas e salarios xustos, sen explotación infantil, respectando os Dereitos Humanos, as culturas indíxenas e o medio; entón, merca comercio xusto.