"Seguramente non se poderá cambiar o mundo tanto como
quereríamos ao comprar cos ollos abertos, pero mantelos pechados
significa asegurar que todo permanece igual"
David Ransom
O comercio xusto vai alén do cumprimento duns principios e da promoción dunha serie de produtos elaborados en condicións de xustiza para quen os produce e para o medio. Este comercio alternativo pretende chamar a atención sobre as desigualdades a nivel internacional.
A situación de produtoras/es nos países do sur
Se a algún/ha de nós nos ofrecesen un traballo que só nos remunerase o 75% do billete do bus que precisamos para chegar á oficina, ninguén o aceptaría. Sen embargo as grandes multinacionais impoñen ese modo de produción a millóns de persoas nos países do Sur. A maioría de produtoras/ es non conseguen ingresos abondos para cubrir os custos de produción, o que por suposto impide que poidan investir en educación, sanidade, etc.
A busca dun abaratamento de custos sen ter en conta outras consideracións leva a que as empresas, no seu proceso de deslocalización, acampen naqueles países onde o cumprimento da lexislación laboral internacional está máis emperigoada. Isto leva a que no mundo haxa millóns de nenas e nenos que traballan, que os horarios e condicións de despido non se respecten, que no caso das mulleres a discriminación non pase só pola desigualdade de salario senón tamén polo abuso sexual no entorno laboral, despidos por embarazo e outras restriccións. O comercio xusto vai alén do cumprimento duns principios e da promoción dunha serie de produtos.

O sistema internacional de produción
Cada vez máis o comercio se concentra nas mans dunhas poucas empresas que desprazan o saber e as firmas locais. As multinacionais (unhas 40.000) realizan o 70% do comercio mundial e as 100 maiores empresas do mundo exportan tanto como os 120 estados máis empobrecidos.
O sistema internacional de produción contempla o establecemento de prezos en moitos casos para o beneficio de empresas intermediarias que encarecen os produtos para as consumidoras e consumidores finais. Isto só é comprensible comparando o que cobra unha estrela do fútbol por participar nun anuncio publicitario co salario medio dun traballador/a que elabora o produto anunciado.
Ademais, a globalización neoliberal pon presión nos países en vías de desenvolvemento para abrir os seus mercados aos produtos que se fabrican no Norte con materias primas mercadas a prezos irrisorios no propio país.
Pode parecer que Tailandia, Guatemala ou a India son países que quedan moi lonxe, e sen embargo todos os días consumimos produtos que proveñen destes e outros países en vías de desenvolvemento. Ao final, as fronteiras deixan de estar claras porque elas, eles e nós, formamos parte do mesmo mundo e xuntas/os debemos buscar mellores maneiras de vida para todas/os.
De distintas maneiras o comercio xusto pretende reunir á cidadanía do Norte e do Sur en relacións equitativas onde todas/os teñamos o noso protagonismo e responsabilidade.
No Sur
No Sur o protagonismo está nas mans de agricultoras/es, artesáns ou obradoiros téxtiles que se agrupan de diferentes formas (en moitos casos en cooperativas, que lles permiten ás/aos produtoras/ es un maior control e distribución igualitaria dos beneficios).
Estas organizacións teñen de particular o compartir as tarefas de organización da produción e de xestión de recursos. Este traballo en comunidade axuda a aumentar a produción, a compartir responsabilidades e gastos e integrarse con máis facilidade nos circuítos comerciais.
A súa participación nas redes de comercio xusto facilítalles
a saída do xugo da empresa multinacional
que opere na zona.
A maioría venden tanto no mercado internacional como no local.
No Norte
Destoutro lado somos as/os consumidoras/es as protagonistas do proceso de cambio. A nós precisamente se dirixen as políticas comerciais. As grandes empresas poden escapar do control gobernamental de moitos países, pero teñen moi presente as “tendencias do mercado”, é dicir, o que as/os consumidoras/es pedimos ou podemos pedir. E esa é a nosa forza, ¡Quen compra manda!
Un/Unha consumidora de comercio xusto non é só aquel/a que ten na súa casa produtos das distintas tendas senón tamén unha persoa que non se deixa influír pola publicidade para ver como necesidades cousas que non son, que procura non facer un uso excesivo de produtos, que ten respecto polo medio.
Entre un/has e outras/os
Para poder estreitar os lazos entre o Norte e o Sur, son necesarias máis pezas na cadea. As dúas máis importantes son as importadoras e as tendas ou puntos de venda.
As importadoras son polo común ONGs ou cooperativas de carácter solidario asentadas no país de destino e encárganse de velar polo correcto funcionamento da produción dos países de orixe. Entre as súas funcións destacan:
As tendas teñen diversos apelativos como tendas solidarias, tendas do mundo ou tendas de comercio xusto. Poden pertencer á propia importadora ou ben tratarse de comercios especializados en produtos solidarios. Levan a cabo tamén campañas de información e sensibilización.