Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

  • En linea 6 visitante(s) en liña
  • Visitas Hoxe: 473 accesos
  • Visitas Total: 350872 accesos
  • Feed RSS 2.0 | ATOM 0.3

Suscrición ao boletín

Nome: Correo:


  • Coordinadora de ONGD - España
  • Quien debe a Quien
  • Tempo Exterior
  • Altermundo

Como Integrarse

Condicións previas

Requisitos para a integración dunha ONGD na Coordinadora Galega de ONGD: 

  • Estar legalmente constituída.
  • Non ter dependencia orgánica de calquera administración pública, grupo empresarial ou doutra entidade pública ou privada.
  • Non ter fins lucrativos.
  • Ter como un dos seus principais obxectivos a cooperación para o desenvolvemento.
  • Ter sede ou delegación permanente en Galicia e estar inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, sección ONGD, cun mínimo de dous anos de antigüidade no momento de presentar a solicitude.
  • Ser unha organización estable cun grao mínimo de estrutura.
  • Ter respaldo e presenza social en Galicia.
  • Ser transparente nas súas prácticas en no seu funcionamento.
  • Cumprir o Código de Conduta da Coordinadora.

Procedemento de ingreso

A entrada dunha nova organización requirira unha solicitude formal por escrito da persoa representante da organización interesada, dirixida á Presidencia da Coordinadora, antes do 31 de xaneiro do ano en curso acompañada da documentación  detallada no apartado seguinte.
Unha vez enviada, toda a documentación será revisada pola Secretaría Técnica. Revisada a documentación poden darse varios casos que a Secretaría Técnica verificará e comunicará ás partes interesadas:
  • Que todo está correcto.
  • Que algunha documentación é incorrecta ou está incompleta, caso no que será solicitada a súa corrección.
  • Que a organización non cumpre algún dos requisitos esixidos para pertencer á Coordinadora.
A organización solicitante deberá reparar os erros e deficiencias notificadas nun prazo máximo de 20 días naturais desde que lle foran comunicados.
Para poder incluír a solicitude de entrada dunha nova organización na orde do día da Asemblea da Coordinadora Galega de ONGD a organización debe cumprir cos requisitos esixidos e toda a documentación solicitada ten que estar en posesión da Coordinadora antes da convocatoria da Asemblea por parte da Presidencia.
Convocarase ás organizacións que cumpran os requisitos esixidos e que tivesen enviada toda a documentación, a unha entrevista coa Xunta Directiva. A entrevista terá por obxecto detallar ou matizar informacións en base á propia documentación presentada.
 
Trámite asembleario de ingreso
Para poder tratar na Asemblea Xeral a solicitude de entrada e podela someter a votación, cómpre que a persoa representante da organización solicitante asista á reunión, na que participará como convidada, previa aceptación das persoas asistentes ao inicio da Asemblea. No caso de que non asista, a solicitude de entrada non será tratada.
A persoa representante da organización que solicita a entrada fará unha breve presentación da entidade, e responderá ás preguntas que poidan formular as persoas asistentes á Asemblea.
Logo da presentación, a persoa representante da organización solicitante ausentarase e sairá da sala onde se celebre a Asemblea, para que poida existir o debate e a posterior votación.
As votacións realizaranse de modo secreto, por escrito, e nunca a man alzada, para asegurar un voto libre e non influído. As papeletas de votación, que estarán previamente preparadas, serán incorporadas á acta.
A solicitude deberá ser aprobada por maioría absoluta das organizacións asociadas asistentes. Para iso, a Secretaría fará un reconto previo de organizacións asistentes con dereito a voto.
 
Efectos xurídicos:
As organizacións que reciban a aprobación da súa entrada na Coordinadora adquirirán, desde o día seguinte á Asemblea, a condición de organizacións asociadas de pleno dereito.
 
Pagamento das cotas:
Nos días posteriores á aprobación de ingreso na CGONGD, a organización cursará escrito á Tesouraría da Coordinadora de domiciliación bancaria das cotas da Coordinadora.
 
Dereitos e obrigas das organizacións asociadas
Dereitos:
  • Intervir no goberno e na xestión, así coma nos servizos e actividades da Coordinadora, de acordo coas normas legais e estatutarias e o presente Regulamento.
  • Asistir á Asemblea Xeral e a cantas reunións organice a Coordinadora, con voz e voto.
  • Elixir e ser elixidas para postos de representación ou exercicio de cargos directivos.
  • Solicitar e obter explicacións sobre a administración e xestión da Xunta Directiva.
  • Recibir información sobre as actividades da Coordinadora.
  • Formar parte das comisións e grupos de traballo.
  • Recibir un exemplar actualizado dos Estatutos da Coordinadora e do Regulamento
  • de Réxime Interno e demais documentos normativos.
  • Recibir orientación sobre trámites administrativos e legais, previa petición por escrito.
Obrigas:
  • Aceptar explicitamente e por escrito os Estatutos da Coordinadora e o Regulamento de Réxime Interno.
  • Axustar a súa actuación ás normas estatutarias.
  • Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e das reunións de traballo, así coma as normas que estableza a Xunta Directiva para levar a cabo estes acordos.
  • Satisfacer oportunamente as cotas que se establezan.
  • Participar nas reunións e actividades da Coordinadora ás que foran debidamente
  • convocadas.
  • Formar parte como mínimo dunha Comisión ou Grupo de Traballo.
  • Cumprir o Código de Conduta.
Perda da condición de organización asociada da Coordinadora
As causas serán as seguintes:
  • A propia vontade, debidamente comunicada.
  • Non satisfacer as cotas fixadas durante dous anos .
  • Ausencia reiterada (tres veces consecutivas) ás Asembleas convocadas pola Coordinadora.
  • Ser declarada ilegal ou disolta por sentenza xudicial firme.
  • Actuación pública contraria aos fins da Coordinadora ou ao Código de Conduta, previo dictame da Xunta Directiva e audiencia da organización afectada.
A perda da condición de organización asociada será declarada pola Asemblea Xeral. Nos supostos indicados nos apartados a) e d) a Asemblea Xeral quedará informada. Nos restantes supostos a Asemblea ratificará se procede, as propostas e decisións emanadas da Xunta Directiva.

A baixa como asociada non eximirá das obrigas contraídas.

Documentación a presentar

  • Estatutos da organización debidamente legalizados (copia compulsada).
  • Certificación do acordo do órgano competente (segundo os propios estatutos) polo que se decide solicitar o ingreso na “Coordinadora Galega de ONGD”. 
  • Certificación do acordo de nomeamento dunha persoa representante diante da Coordinadora. 
  • Copia da resolución de inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, sección ONGD. 
  • Certificación da composición e data de nomeamento da xunta directiva ou padroádego da ONGD solicitante. No caso de se tratar da delegación dunha entidade de ámbito estatal, certificación de nomeamento da persoa que ostente a representación en Galicia.
  • Certificación do acordo do órgano interno competente polo que se faga constar:
    • O coñecemento e aceptación dos Estatutos e do Regulamento da Coordinadora.
    • O coñecemento e aceptación do Código de Conduta da Coordinadora.
    • O compromiso de asistencia e participación nas reunións da Coordinadora.
  • Breve informe (2-3 páxinas) cos datos básicos da entidade:
    • Fins, obxectivos e áreas de traballo da organización.
    • Enderezo social en Galicia, teléfono e correo electrónico.
    • Persoal laboral ou voluntario co que conta en Galicia.
    • Número de persoas asociadas en Galicia e distribución das mesma
    • Memoria ou proxecto de actividades en Galicia.
  • Copia do CIF e certificación de conta bancaria onde domiciliar os recibos da Coordinadora. 
  • Orzamento anual de ingresos e gastos do exercicio precedente e liquidación do exercicio anterior. 
  • Outra documentación: breve dossier de prensa en Galicia, etc. 
  • Ficha resumen proporcionada pola Coordinadora, cos datos básicos da entidade para poder enviarlla ás organizacións membro coa orde do día e a convocatoria da Asemblea.

 

Descarga dos estatutos

Descarga dos estatutos (pdf)

ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.