logo

NOVAS

Mai17

Celebra o Día do Comercio Xusto!

'Apúntaste á loita? Máis de 20 anos de Comercio Xusto en Galicia' é o lema co que este ano as ONGD da Coordinadora Galega de ONGD, xunto a distintos colectivos de economía social, celebrarán o Día Mundial do Comercio Xusto ao longo do mes de maio en 6 cidades distintas. O obxectivo: dar a coñecer o comercio xusto; participar con distintos colectivos na promoción dun comercio alternativo que estea ao servizo das persoas e do medio; e amosar que existen alternativas xustas, sostibles e ecolóxicas para o consumo de alimentos, roupa e produtos artesanais.

En Galicia xa hai máis de 20 anos que existe a posibilidade de consumir de forma xusta, sostible e democrática. Foi gracias á iniciativa de A Cova da Terra e Panxea, as ONGD que no ano 1995 abriron as dúas primeiras tendas de comercio xusto en Galicia. Dende entón, os establecementos onde se ofrecen produtos de comercio xusto medraron gracias ao traballo doutras organizacións e entidades como Oxfam Intermon, Solidariedade Internacional de Galicia ou Taller de Solidaridad. Hoxe, ademais, son moitos os comercios non especializados que venden alimentos, roupa e artesanía producida baixo criterios de comercio.

UN POUCO DE HISTORIA

Dende os anos 70 varias organizacións viñan desenvolvendo iniciativas de comercio directo con grupos de artesáns de Asia e América Latina. E actualmente, no Estado, xa existen máis de 140 tendas e puntos de venda e 12 tendas on-line.

Nos 90 inauguráronse gran parte das actuais tendas. No 2000 a primeira análise de vendas mostraba unha facturación que apenas alcanzaba os 7 millóns de euros que chegaron a ser 33 en 2014. Nestes anos, a gama de produtos ampliouse e cambiou o consumo: se no 2000 a metade do que se vendía era artesanía, hoxe o 90% é alimentación.

Paralelo á comercialización, as organizacións de Comercio Xusto desenvolveron un importante labor de sensibilización e difusión a través de accións en centros educativos e campañas, coa finalidade de dar a coñecer a desigualdade global e as situacións de inxustiza que sofren os traballadores e as traballadoras en América Latina, África e Asia e fomentar un consumo máis responsable e sustentable.

ACTIVIDADES EN GALICIA

As ONGD da Coordinadora organizan ao longo do mes de maio actividades en 6 cidades galegas para dar a coñecer o comercio xusto. As cidades de A Coruña, Ourense, Pontevedra celebraron esta fin de semana pasada Feiras de Comercio Xusto; e estes vindeiros días Lugo, Vigo e Vilagarcía seguirán a acoller encontros, feiras de economía social, obradoiros, xogos, degustacións de produtos de comercio xusto, teatro, etc.

Lugo

Coincidindo coa celebración en maio do Día Mundial polo Comercio Xusto as ONGD de Lugo poñen en marcha, durante o mes de maio, un programa de actividades que inclúe charlas, obradoiros, exposicións, un ciclo de cine, e unha feira de economía social. O obxectivo: reinvindicar sistemas de produción e consumo máis xustos sostibles e que respecten os dereitos humanos; dar a coñecer o comercio xusto; participar con distintos colectivos na promoción dun comercio alternativo que estea ao servizo das persoas e do medio. Neste enlace>>> podedes consultar todas as actividades

 

Vigo, 27 de maio

Rebélate!!! Por unha economía distinta: alternativa e solidaria

De 11 a 19 h

Rúa peonil do Calvario, na praza do mercado

Participan: Amigos da Terra, Oxfam-Intermon, Taller de Solidariedade, Campaña Impórtanos, Proclade, Fiare, Alborada, Cáritas, Sos Racismo, Marcha Mundial das Mulleres, Emaús, Parroquia Cristo da Victoria, Amnistía Internacional, Semilla para el Cambio e Artemada




Actividades:

12:30 Contacontos.

13:00 Master class de zumba

17:00 Actuación musicaldo grupo Fiadeiro

18:00 Desfile de roupa de comercio xusta

18:45 Lectura do manifesto

Durante todo o día haberá postos de venta de produtos de comercio xusto e actividades infantís e obradorios de globoflexia, de cálculo da pegada ecolóxica, de creación de chaveiros con materiais reutilizados, xogos tradicionais...

Vilagarcía, 27 de maio

De 11 a 14 h

Praza de Galicia

Participan: Solidariedade Internacional de Galicia

Actividades: ao longo da mañá haberá degustación de produtos de Comercio Xusto e o xogo/gincana ‘’O meu, o teu, o noso ’’.

O DECÁLOGO DO COMERCIO XUSTO

O comercio xusto defende un sistema de relacións comerciais e produtivas entre os países do Sur e do Norte baseado no traballo digno, a garantía dos dereitos humanos e o respecto polo entorno co obxectivo de promover o desenvolvemento dos pobos.

Un produto de comercio xusto está elaborado baixo os seguintes criterios básicos:

  • En condicións de traballo dignas e con salarios xustos para as persoas produtoras.
  • En ausencia de explotación infantil.
  • En Igualdade de oportunidades e de trato para homes e mulleres.
  • Respectando os Dereitos Humanos.
  • Respectando as culturas indíxenas.
  • Baixo un funcionamento democrático das organizacións que interveñen.
  • Baixo relacións comerciais a longo prazo que supoñen o pagamento dunha parte do prezo por adiantado.
  • De forma que as/os produtoras/es destinen parte dos seus beneficios ao desenvolvemento das súas comunidades.
  • De forma que se reduza a cadea de intermediarios.
  • En condicións de respecto polo entorno.
  • De xeito que fomente o mercado local e a diversificación da produción co fin de reducir a dependencia do comercio internacional e dun só produto.

 


Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario