logo

NOVAS

Feb14

O apoio da cidadanía ás ONG de Desenvolvemento aumenta

14 de febreiro de 2017. A Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento-España presentou hoxe o Informe do Sector das ONGD 2016. O estudo expón os datos máis recentes (2014-2015) de 76 ONGD que integran a Coordinadora (algunhas delas con delegación en Galicia) e das súas 17 Coordinadoras Autonómicas, entre as cales a Galega. A fotografía mostra a imaxe dunha solidariedade cidadá que está por riba dos compromisos políticos coa cooperación. Os fondos privados obtidos en 2015 ascenderon a case 300 millóns de euros, unha cifra que contrasta cos menos de 200 millóns que dedican as administracións públicas. De feito, os fondos públicos caen ata a súa cifra máis baixa nos últimos 10 anos.

Os datos do informe non deixan lugar a dúbidas. A solidariedade cidadá está por diante dos compromisos políticos. Uns datos que, ademais, veñen reforzados polo último Eurobarómetro no que se mostra que o 93% da poboación do Estado apoia a cooperación. A administración pública ten a obrigación de estar á altura da súa cidadanía e aumentar os fondos de acordo aos enormes retos que como humanidade enfrontamos.

O voluntariado, peza clave

O apoio cidadán ao traballo que realizan as ONGD non se limita ás contribucións económicas; de feito, unha das súas grandes fortalezas coas que conta o sector é o labor de voluntariado que realizan máis de 20.000 persoas en todo o Estado. Unha cifra que aumentou un 7% desde 2008; o que demostra que o compromiso cidadán fortaleceuse nun tempo no que os problemas globais se agudizaron.

Un traballo que resiste

O sector sufriu un importante impacto nestes anos de recortes e crise. Entre 2008 e 2013, perdéronse 2.440 empregos nas ONGD do Estado español e aínda que desde entón se recuperaron 1.000 empregos, o sector conta actualmente con 1.500 persoas contratadas menos que en 2008. En conxunto, unhas 8.400 persoas traballan nas ONG de Desenvolvemento, o 60,5% en países nos que traballan as organizacións e 39,5%, no Estado. A pesar da complexidade da situación, desenvólvense máis de 3.600 proxectos en 105 países dos cinco continentes; sobre todo en América Latina e África. As principais áreas de traballo son aquelas relacionadas con xénero e dereitos humanos (aínda que hai outras moitas liñas de actuación como educación, saúde, agricultura...)

Desigualdade de xénero

Outro dos datos destacables que recolle o Informe del sector de las ONGD que compartimos onte fala da desigualdade de xénero nas organizacións. Aínda que a maioría do persoal técnico que traballa nas ONGD son mulleres (70%), os postos de dirección están maioritariamente ocupados por homes (68%). Unha realidade que reflicte a desigualdade que se dá de forma xeralizada no terceiro sector (máis información>>>).

Recomendacións

Para o presidente da Coordinadora estatal de ONGD, Andrés Amayuelas, “facer fronte a unha realidade mundial na que afrontamos múltiples e complexas crises, esixe políticas que garantan os dereitos das persoas e do planeta. Neste sentido, a cooperación é parte esencial da solución e, por tanto, debe ser fortalecida”.

“O Estado debe ser capaz de estar á altura da solidariedade da súa cidadanía. Se pretende ser un actor internacional relevante que contribúa a remover as estruturas económicas, sociais e políticas que perpetúan a pobreza, a desigualdade e a inxustiza dentro e fóra das nosas fronteiras, debería apostarse con valentía pola política de cooperación.”

Neste enlace>>> podedes acceder á web con toda a información.

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario