logo

NOVAS

Abr05

Marca o X Solidaria na túa declaración da renda

Compostela acolleu a mañá do 5 de abril a presentación da nova campaña da “X Solidaria” reunindo máis de 400 persoas que formaron na praza do Obradoiro un “X” humano para visibilizar a importancia de marcar o recadro de Fins Sociais na declaración da renda.

A representante da Coordinadora Galega de ONGD, Lorena Seijo, a vicepresidenta de EAPN-Galicia, Mónica Permuy, e o presidente do CERMI Galicia, Iker Sertucha explicaron neste acto a importancia de marcar o recadro de 106 de 'Actividades de Interese Social' que beneficia directamente a milleiros de persoas que viven en situación de vulnerabilidade tanto en Galicia como noutros lugares do mundo. Marcalo, non custa nada, non se pagan máis impostos, nin recibiremos menos no caso de devolución.
As organizacións do terceiro sector en Galicia fixeron un chamamento á cidadanía para que marque o recadro do X Solidario, unha fórmula coa que a Administración ofrece a posibilidade de decidir a que queremos destinar unha parte do diñeiro que se recada cos nosos impostos. En concreto o 0,7 %: esta é a porcentaxe que irá destinada a facer proxectos sociais para as persoas en risco de exclusión social; de cooperación ao desenvolvemento e de protección do medio.

O ano pasado, un 54% das persoas contribuíntes do Estado español marcaron o X Solidario, o cal permitiu recadar 300 millóns de euros. En Galicia, marcárono un 53,8% e recadáronse 15,5 millóns de euros. Aínda así, hai case 600.000 persoas en Galicia que non marcar o recadro de “Actividades de Interese Social”, e se o fixeran, poderían dedicarse a proxectos para mellorar a calidade de vida das persoas ata 26,5 millóns.

O presidente do CERMI, Iker Sertucha, incidiu na “necesidade de manter a calidade e filosofía destes fondos de acción social” que ata agora xestionaba o Ministerio de Asuntos Sociais pero que, a partir do próximo ano, xestionará a Xunta de Galicia.  “É unha boa nova que permitirá unha maior proximidade ás persoas e ás necesidades, pero para iso débense manter os criterios do presente modelo. Queremos instar, en primeiro lugar, a que o 100% do diñeiro vaia integramente destinado a política social e que estes cartos estean destinados a ONG que estean inscritas e recoñecidas en Galicia; e, en segundo lugar, pedimos que haxa menos burocracia na documentación e que no último trimestre do ano sexa comunicada a resolución e ingresados os cartos para poder poñer en marcha os proxectos.”

Tanto os beneficiarios alí presentes como os responsables das ONG organizadoras, tamén coincidiron en destacar que se trata “dun dereito que temos todos: escoller a onde van a parar os nosos impostos.  “O que pretendemos con esta campaña, é animar á xente a que marque o recadro de “Actividades de interese xeral”, porque non estaremos pagando máis impostos, nin recibiremos menos cartos no caso de devolución: o que faremos será contribuir á organización de programas e proxectos para as persoas en risco de excusión social.”

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario