logo

NOVAS

Mai16

A Coordinadora condena a violencia de Israel contra a poboación civil de Gaza

Este pasado luns, 14 de maio, as forzas israelís mataron a 60 persoas palestinas, sete delas menores, e feriron a 2.400, a maior cifra desde a ofensiva de Israel contra Gaza en 2014. O martes, as vítimas mortais foron dúas e 417 as feridas. Segundo o Ministerio de Sanidade de Gaza, a maioría das persoas asasinadas teñen entre 20 e 30 anos.

O Exército de Israel usou munición real e métodos de dispersión de masas como gas lacrimóxeno contra os manifestantes que protestaban -con pedras e pneumáticos incendiados- contra a inauguración da embaixada de Estados Unidos en Xerusalén e con motivo da Marcha do Retorno, que reclama o dereito das persoas refuxiadas de volver aos seus fogares. A maioría das vítimas perderon a vida por mor da metralla e as balas disparadas polas forzas israelís.

Onte, 15 de maio, cumpríronse 70 anos da Nakba (a catástrofe), data na que se lembra a guerra árabe-israelí de 1948 que desembocou na ocupación de palestina e a creación do Estado de Israel e que obrigou a miles de persoas palestinas a fuxir dos seus fogares e a súa terra, e emprender o éxodo. Ese día, 700.000 persoas convertéronse en refuxiadas.Na actualidade son máis de cinco millóns.

Desde o 30 de marzo, inicio da Marcha do Retorno, o Exército israelí asasinou 114 persoas palestinas, incluídos 12 menores -entre as cales unha bebé de oito meses-, durante o curso das manifestacións. O número acumulado de persoas feridas supera os 12.600, máis de 3.600 por munición real, segundo a Axencia de Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas de Palestina en Oriente Medio (UNRWA).

Como sinala Amnistía Internacional, o uso de armas de lume en situacións nas que non existe un perigo inminente de morte ou lesións graves constitúe unha terrible violación do dereito internacional.

Ataques contra instalacións de saúde e persoal sanitario

Moitas das persoas feridas non están a poder recibir unha atención médica adecuada xa que, segundo denuncia a UNRWA, as instalacións médicas en Gaza están “ao límite e estanse quedando sen subministracións médicas esenciais. Os hospitais públicos da Franxa teñen menos dunha semana de reservas de combustible para continuar as súas operacións”. Como lembran diversas organizacións internacionais, o bloqueo ao que Israel somete a Gaza desde fai máis dunha década, descrito pola comunidade internacional como un “castigo colectivo”, impide a liberdade de movementos e o acceso aos servizos de saúde e medicamentos, á auga potable, á comida e á electricidade.

A Organización Mundial da Saúde documentou un número crecente de ataques a contra persoal sanitario desde o inicio das manifestacións. Ata o 13 de maio, rexistráronse 211 ataques (nove feridas de bala, 13 feridas por latas de gases lacrimóxenos e 189 sufriron inhalación de gases lacrimóxenos). Vinte e cinco ambulancias tamén foron danadas.

Como xa fixemos cando se anunciou a decisión, a Coordinadora expresa o seu desacordo co traslado da embaixada estadounidense a Xerusalén. Unha acción que implica un recoñecemento desta cidade como capital de Israel. Xerusalén non forma parte, segundo o Dereito Internacional, do Estado israelí.

Por todo iso, a Coordinadora reclama ao Goberno español, aos Estados membros da Unión Europea e ás institucións europeas e internacionais que:

- Condenen e actúen conta a actuación militar israelí que viola o Dereito Internacional Humanitario

- Velen polo respecto e a protección dos dereitos humanos de todas as persoas que viven na zona.

- Os responsables de violacións de dereitos humanos rendan contas. A comunidade internacional debe garantir xustiza para as vítimas.

- Traballen para cumprir as resolucións do Consello de Seguridade e alcanzar unha paz duradeira.

- Rexeiten a decisión da Administración estadounidense de trasladar a súa embaixada a Xerusalén e respecten e cumpran a legalidade internacional.

- Esixan ao Goberno de Israel:

* Cesamento de inmediato da violencia á que está a someter á poboación civil palestina, e en particular á gazatí.

* Garantía dos dereitos humanos de palestinos e palestinas. As súas forzas de seguridade non se extralimitan no uso da forza e eviten o uso desproporcionado da forza letal, tal e como establecen os Principios Básicos da ONU sobre o emprego da forza e de armas de fogo polos funcionarios encargados de facer cumprir a lei.

* Os responsables das mortes e os ataques violento sexan levados ante un tribunal e teñan un xuízo con garantías de dereito baseado nunha investigación imparcial e exhaustiva dos feitos.

* Garantía do acceso da poboación palestina aos servizos sanitarios e de axuda humanitaria e cesamento inmediatamente os ataques contra instalacións de saúde e persoal sanitario. Poña fin á ocupación e a violación sistemática dos dereitos do pobo palestino que constitúen a anexión ilegal de Xerusalén Este, o bloqueo de Gaza e a ocupación de Cisxordania.

Fonte: Coordinadora de ONGD - España>>>

Foto: A nai de Mohammed Ayoub mostra a foto do seu fillo de 14 anos morto preto da fronteira de Gaza por un disparo das forzas israelís o pasado 20 de abril. | REUTERS/ Mohammed Salem

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario