logo

NOVAS DA COORDINADORA

Abr07

A Coordinadora asina o novo convenio de colaboración anual coa Xunta de Galicia

A Coordinadora Galega de ONGD asinou o novo convenio de colaboración anual coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. O convenio, para a anualidade 2016, ten por obxecto contribuír a mellorar o sector galego de cooperación ao desenvolvemento mediante o fortalecemento da Coordinadora Galega de ONGD e a través do apoio orzamentario ás actividades previstas na Planificación Estratéxica da Coordinadora para o presente ano, precisamente cando a Coordinadora Galega de ONGD cumpre o seu 25 aniversario. O convenio responde ao compromiso asumido pola Xunta de Galicia no III Plan Director de Cooperación Galega e polo que se prevé o apoio continuado, a través de convenios de fortalecemento, que se asinarán anualmente, coa Coordinadora polo valor do seu traballo na consolidación dun tecido social de apoio á cooperación ao desenvolvemento.

O citado convenio estará dotado de novo con 90.000 euros, mantense, por tanto, a dotación orzamentaria dos últimos anos. O traballo orientarase a tres liñas de traballo primordiais:

a. “Mellorar as capacidades técnicas e de planificación conxunta das ONGD socias”. Isto farase a través da realización de formacións técnicas dirixidas a persoal técnico, voluntariado e socios/as das ONGD socias. Tamén a través do deseño e posta en marcha dunha nova Planificación Estratéxica que oriente a actividade da Coordinadora e das ONGD socias que a conforman para o próximo cuatrienio. Ademais daráselle continuidade, neste eido, ao servizo de comunicación e asesoramento interno as ONGD

b.”Fortalecer a lexitimidade da Coordinadora para representar as ONGD galegas”. Para profundar nesta liña estratéxica de traballo daráselle continuidade a creación de espazos de reflexión sobre eidos de interese para a actualización do traballo das ONGD. Así mesmo se seguirá dando apoio ao órganos de traballo cos que conta a Coordinadora, actualmente 5 comisións de traballo temáticas e 3 grupos de traballo territoriais nos que participan as 46 ONGD socias da Coordinadora. Por outra banda seguirase traballando na promoción do bo goberno e a transparencia das ONGD socias. O sector das ONGD tense dotado dunha ferramenta moi esixente de indicadores de transparencia e bo goberno pioneira no eido do terceiro sector. Ao tempo a Coordinadora, a través da Xunta Directiva, manterá a súa labor primordial de representación institucional das ONGD galegas en diferentes eidos, a nivel galego, estatal e internacional.

c. “Fortalecer a capacidade da Coordinadora para promover os obxectivos comúns de transformación social e defensa da política pública de cooperación ao desenvolvemento das ONGD socias” Como todos os anos seguiremos organizando actividades e campañas de incidencia política encamiñadas á defensa dos dereitos humanos e da política social de cooperación ao desenvolvemento. Ao mesmo tempo seguiremos dando continuidade á formación das ONGD no eido da incidencia política e impulsando a mellora na comunicación externa, tanto do servizo de comunicación externa da Coordinadora como da comunicación que fan as propias ONGD socias. O obxectivo é incidir de xeito eficaz na transformación das políticas municipais, nacionais e internacionais para acadar un mundo máis xusto e tamén lograr a conformación  dunha cidadanía máis crítica e consciente das desigualdades e as inxustizas globais que demande estas tranformacións.

A sinatura deste novo convenio de colaboración da continuidade a estreita colaboración que manteñen a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e a Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento dende o ano 2005.

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario