logo

NOVAS DA COORDINADORA

Feb06

A Coordinadora abstense na votación do Plan Anual de Cooperación 2017

As persoas representantes das ONGD galegas no Consello Galego de Cooperación para o  Desenvolvemento abstivéronse durante a votación do  Plan Anual 2017 porque os fondos consignados non garanten que esta política se desenvolva co impacto e previsibilidade necesarios.

O Congacode é órgano asesor e de coordinación da cooperación galega no que están representados a Administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación. O principal punto da orde do día da reunión foi a presentación do Plan Anual 2017 da Cooperación Galega para o Desenvolvemento elaborado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que recolle as actuacións previstas para o ano 2017 e que conta cunha dotación orzamentaria de 4.512.744 €, o que representa un lixeiro incremento (dun 7,7%) con respecto ao aprobado para o ano 2016.

Sen embargo este mínimo incremento está moi lonxe das demandas das ONGD galegas de “impulsar un crecemento anual progresivo e previsible que teña sempre como horizonte o 0,7% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia en materia Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), partindo dun mínimo de 6 millóns de euros e acadando de forma progresiva e planificada o 0,2% ao final da lexislatura” (ver documento de demandas aquí>>>). Esta insuficiencia orzamentaria ten xustificado a abstención das ONGD galegas na votación.

Aínda así a subida orzamentaria racha coa liña dos últimos sete anos, xa que,logo dun recorte de fondos de máis dun 60%, a política pública de cooperación permaneceu estancada en mínimos históricos. Doutra banda, a Xunta de Galicia ten iniciado esforzos no eido da adaptación da normativa, que se consideran beneficiosos para superar, entre outras cuestións, a restrición que supón a división en capítulos IV e VII das convocatorias de proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Este último esforzo no eido normativo e o cambio de tendencia, co lixeiro aumento dos fondos, motivou que as ONGD galegas non votasen en contra do Plan Anual, como si o fixeron en anos anteriores.

Nesta páxina podedes atopar o Plan Anual 2017>>>

Coordinadora Galega de ONG para o Deselvolvemento
Rúa dos Basquiños, 33 1º A, Santiago de Compostela | Tlf: 981585189 | sensibilizacion@galiciasolidaria.org

Reconocimiento - CompartirIgual (by-sa)

Os contidos de esta web están baixo unha licenza Creative Commons se non se indica o contrario