Ecos do Sur é unha ONGD galega, independente, aconfesional e sen ánimo de lucro, fundada en 1991 e declarada entidade de Utilidade Pública polo Ministerio do Interior. Entre os obxectivos de Ecos do Sur están a análise da realidade dos países máis desfavorecidos, a sensibilización da sociedade galega sobre os problemas que sofren e a cooperación para o seu desenvolvemento. Así como a concienciación na sociedade sobre as problemáticas que sofren as persoas refuxiadas, inmigrantes, emigrantes retornadas e outros colectivos en risco de exclusión social, e tamén a axuda para conseguir a súa inserción e promoción na sociedade a todos os niveis.
Educación Sen Fronteiras (ESF) nace en 1988, coma espazo de reflexión e análise dos problemas educativos dos países en vías de desenvolvemento. Defínese como organización non gobernamental de desenvolvemento, privada, independente, laica, sen ánimo de lucro e especializada en educación. ESF cre que a educación é un dereito fundamental de todas as persoas e un factor esencial do benestar humano. Cre na educación como vehículo vital de desenvolvemento, cara a un mundo que xere relacións de igualdade entre as persoas e os pobos.
Entreculturas é unha ONG, promovida pola Compañía de Xesús, que está presente nas zonas máis empobrecidas de América Latina, África e Asia. No Sur Entreculturas colabora co Servizo Xesuíta aos Refuxiados e é membro da Federación Internacional Fe y Alegría. Entreculturas defende o dereito á educación como medio de cambio social, xustiza e diálogo entre culturas porque cre que educar é dar oportunidades. Outros enderezos da ONGD: Santiago de Compostela: Rúa Virxe da Cerca, nº 31. 15703 Santiago de Compostela Tfno. 981 581 409 Correo electrónico: santiago@entreculturas.org Vigo: Rúa Velázquez Moreno nº 9-2º. 36201 Vigo Tfno. 986 224 990 Correo electrónico: vigo@entreculturas.org
Enxeñería Sen Fronteiras Galicia é unha organización non gobernamental dedicada á cooperación ao desenvolvemento que traballa para construír unha sociedade mundial xusta e solidaria e a prol de poñer a tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano. ESF Galicia é unha organización pluridisciplinar, aconfesional e apartidaria, formada por persoas socias e voluntarias. Está asociada á Federación ESF-España.
Equus Zebra nace no ano 2000 en A Coruña. É unha ONG galega, independente, apolítica e aconfesional, creada por e para as persoas inmigrantes. A súa misión é a promoción integral da comunidade inmigrante e o desenvolvemento dos países máis desfavorecidos de África. O seu fin é loitar para mellorar a vida das persoas inmigrantes, de calquera procedencia, que teñen chegado a Galicia así como a de aquelas que viven en situación pobreza nos seus países de orixe. O obxectivo de Equus Zebra céntrase en loitar contra as desigualdades e fomentar un modelo de convivencia, comprometido e solidario; un modelo que mellore a calidade de vida do colectivo inmigrante e facilite a súa integración no noso entorno.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.