A Fundación Madreselva ONGD é unha organización de ámbito nacional e internacional vinculada ao Instituto das Fillas de María Auxiliadora. O seu fin é cooperar ao desenvolvemento sostible, humano, social e económico, para contribuír en todos os países ao progreso e promoción humana, en especial da infancia, mocidade e da muller, privilexiando a educación como instrumento eficaz para o desenvolvemento e promovendo o voluntariado. Madreselva ONGD ten catro áreas de traballo: proxectos de cooperación ao desenvolvemento, promoción e fomento do voluntariado, sensibilización e educación para o desenvolvemento e apoio á infancia.
Mans Unidas é unha ONGD confesional católica de voluntariado e de cooperación de ámbito nacional, que pretende loitar contra a fame, a pobreza, o subdesenvolvemento e as causas que o provocan. Traballa en dous ámbitos: no Sur financiando proxectos de desenvolvemento en en temas agrícolas, culturais, educativos, sanitarios, de promoción da muller, de axuda humanitaria e de emerxencia; e no Norte sensibilizando á poboación galega, para que coñeza e sexa consciente da realidade dos países en vías de desenvolvemento.
Médicos do Mundo (MDM) é unha organización non gobernamental de acción humanitaria, sen afiliación política ou relixiosa, de ámbito internacional e con sede en Galicia. Constitúe unha organización internacional, tanto na súa concepción da axuda aos colectivos máis desfavorecidos coma no traballo de implantar unha idea de solidariedade global para o conxunto da humanidade. O obxectivo de Médicos do Mundo é intervir onde a guerra, a enfermidade,a fame ou a miseria constitúen un perigo para a vida humana.
A fundación Meniños ofrece servizos de calidade para a infancia e a adolescencia en situación de dificultade social e promove os seus dereitos, investigando, difundindo coñecemento e innovando sobre a súa atención. Así mesmo favorece a participación doutras persoas e entidades na promoción dunha cultura de bo trato, para garantir a cada neno, nena e adolescente o seu dereito a medrar nun entorno familiar que garanta o seu benestar e desenvolvemento integral.
Médicos Sen Fronteiras é unha organización médico-humanitaria de carácter internacional que aporta a súa axuda a poboacións en situación precaria e a vítimas de catástrofes de orixe natural ou humana e de conflitos armados, sen discriminación por raza, relixión ou ideoloxía política. A presenza independente e imparcial da organización, nas situacións de crises permítelles realizar unha acción inmediata e temporal de asistencia ás persoas máis necesitadas, asumindo riscos, confrontando ao poder e empregando a testemuña como medio para provocar cambios a favor das poboacións.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.