A Asociación para o comercio xusto e solidario PANXEA naceu en Compostela en 1995 coma unha asociación sen ánimo de lucro. A organización traballa nos eidos de Comercio Xusto, Consumo Responsable, Soberanía Alimentaria e Economía social, alternativa e solidaria (especialmente cooperativismo e finanzas éticas). Os seus principais obxectivos son a sensibilización da sociedade galega e a participación activa en diversas iniciativas de economía social, alternativa e solidaria, especialmente as relacionadas co comercio xusto, e o consumo responsable dende a perspectiva da soberanía alimentaria. Traballa para impulsar cambios que, dende o pequeno e o local, muden as estruturas a prol da xustiza social, ecolóxica e de xénero, e nas relacións comerciais norte-sur, pero tamén norte-norte, e sur-sur, promovendo igualmente a paz e o desenvolvemento sustentable. PANXEA forma parte da Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD dende 2008. Ademais, traballa en rede coa Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos, a Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel, Fiare Galiza, e a nivel estatal e ibérico, forma parte do “Espacio por un Comercio Justo”. En febreiro de 2010, a tenda de comercio xusto que PANXEA ten na Rúa da Rosa, 36 (Compostela) pasou a ser xestinada por unha Cooperativa de Consumidores/as e Usuarios/as.
A Fundación Paz e Solidariedade(PES) é unha organización non gobernamental, privada, sen ánimo de lucro, dedicada á cooperación e á promoción da paz e a solidariedade entre os pobos. Foi constituída en 1994 por iniciativa do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galiciae desde entón traballa fundamentalmente para contribuír á conquista das liberdades individuais e colectivas.
A Fundación PROCLADE, -fundada en 1996 e vinculada á orde claretiana-, é unha organización non gobernamental de desenvolvemento (ONGD), con vocación de servizo aos países en vías de desenvolvemento, que sinte os problemas dos pobos do Sur como propios. Os dous obxectivos principais da entidade baséanse na colaboración co desenvolvemento dos pobos máis necesitados a través da promoción do benestar humano, a xustiza e a paz social, e na promoción do voluntariado social para o desenvolvemento e a sensibilización da cidadanía do Norte para unha maior conciencia cívica.
PROYDE é unha ONG para a promoción e o desenvolvemento creada en 1988, que traballa ao longo do estado español. Xurdiu desde o ámbito educativo, dentro da Comunidade de centros educativos La Salle-, e por iso as súas tarefas prioritarias se enfocan cara á sensibilización sobre a realidade dos países empobrecidos, denunciando as inxustizas e creando unha mentalidade solidaria crítica, especialmente entre a infancia e a mocidade.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.