10 de marzo de 2010 00:00
As ONGD aproban o novo Plan Director da Cooperación Galega
AS ONGD APROBAN O NOVO PLAN DIRECTOR DA COOPERACIÓN GALEGA NO CONGACODE
O pasado venres 5 de marzo, as/os representantes das ONGD no Consello Galego de Cooperación aprobaron o novo Plan Director 2010-2013, amosando reservas ao Plan Anual 2010
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2010. O pasado venres, 5 de marzo, celebrouse a primeira sesión do ano 2010 do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), para tratar e discutir, entre outros asuntos, sobre a Avaliación do I Plan Director da Cooperación Galega 2006/2009, sobre o a proposta do II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 e sobre o Plan Anual 2010.
A celebración do CONGACODE viña dar fin a intensos meses de lectura, reflexións, reunións e debates no sector sobre as liñas principais da Cooperación Galega para os vindeiros anos.
O traballo empezou xa durante o último semestre do 2009, no que as Comisións de Traballo de Comercio Xusto, Educación para o Desenvolvemento e Xénero da CGONGD, levaron a cabo un importante traballo de incidencia sobre o borrador de Plan Anual que confeccionaba o ICEI.
Neste mes de febreiro, hai que destacar así mesmo o traballo das ONGD da Coordinadora e das Comisións de Traballo para facer alegacións aos textos tanto do Plan Director como do Plan Anual 2010, así como a nutrida asistencia á Asemblea Extraordinaria da CONGD que tratou este tema o pasado 4 de marzo de 2010. Nesta liña traballaron así mesmo os representantes das ONGD no CONGACODE, estudando os devanditos documentos, e na formulando alegacións, votos particulares, etc. (
Ver documento de Alegacións)
Por outra banda, é notorio que nas semanas precedentes á celebración do CONGACODE, dende a Xunta Directiva da CGONGD mantivéronse dúas reunións de importancia negociadora, unha co Director Xeral de RREE, Jesús Gamallo, o pasado 1 de marzo para transmitir as alegacións da Coordinadora; e outra co Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda o mesmo venres 5 de marzo antes da celebración do CONGACODE, onde se transmitiron as demandas das ONGD da Coordinadora ao máximo responsable da Política de Cooperación da Xunta de Galicia. Resaltar desta reunión o compromiso do Conselleiro para xestionar posibles ampliacións no orzamento de cooperación por parte das outras Consellerías e de futuros orzamentos non executados.
Logo de todo este traballo, cabe render contas ao sector sobre as principais decisións tomadas na reunión do CONCACODE o venres 5 de marzo:
- Nomeamento de Jose Luis Quintela (Intermón Oxfam) como Vicepresidente do CONGACODE por unanimidade do Consello.
- Aprobación do II Plan Director 2010-2013 por unanimidade, se ben os 5 representantes das ONGD manifestaron a presentación dun voto particular que reflectise os puntos non concordantes co sentir das ONGD: esforzo orzamentario moi feble, compromiso da creación da Axencia Galega de Cooperación, etc. (ver documento do voto particular).
- Aprobación do Plan Anual 2010 de Cooperación, co voto en branco dos representantes das ONGD, pois se ben estaban de acordo nas actividades propostas, estaban en desacordo polo recorte orzamentario para a Cooperación Galega en 2010. Anunciouse a presentación dun novo voto particular que reflectise os puntos de desacordo (ver documento do voto particular).
Para a vosa información, engadimos os pasos que darán nos vindeiros días os documentos traballados:
- A Avaliación do 1º Plan Director será difundida a través da web da Cooperación Galega, en galego e castelán, e publicada en papel en datas vindeiras.
- O 2º Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013 será enviado ao Consello da Xunta en breve, para que trala súa aprobación se envíe ao trámite parlamentario.
- O Plan Anual 2010 enviarase ao Consello da Xunta para a súa aprobación.