A liberación de Roque Pascual e Albert Vilalta, os dous voluntarios de Barcelona Acció Solidària que en novembro do ano pasado foron secuestrados en Mauritania xunto a Alicia Gámez, acabou de destapar a caixa de Pandora entre o sector das ONGD. A posta en liberade dos dous empresarios cataláns o pasado día 24 de agosto é sen dúbida unha moi boa nova. Pero o fin do secuestro deu paso a un debate que ata o de agora non tiña saído á luz por respecto e prudencia: son eficaces as caravanas solidarias como ferramenta de loita contra as causas que xeran as desigualdades e a pobreza? Ten sentido seguir a traballar neste modelo de “desenvolvemento”, antagónico aos principios da Declaración de París sobre a eficacia da axuda?
ONGD de todo o Estado español así como expertos en materia de cooperación ao desenvolvemento son escépticos en canto a funcionalidade real das caravanas solidarias e piden prudencia. A aposta dos últimos anos pola profesionalización do sector das ONGD e pola promoción dun modelo de desenvolvemento sostible, baseado no traballo conxunto coas organización locais e na xeración de cambios nas estruturas de poder, non encaixa no molde das caravanas solidarias (formadas por convoios ateigados de materiais procedentes de Europa e acompañados por persoal voluntaria non profesionalizado).
Por outra banda, voces como a da Coordinadora de ONGD - España "desaconsellan as caravanas solidarias por ser iniciativas custosas, moi perigosas e con pouco impacto nos países de destino". Pola súa banda, o presidente da Coordinadora Galega de ONGD, Xosé María Torres, afirma nun artigo de opinión publicado hoxe na Voz de Galicia que este tipo de accións non deben servir para “enviar as sobras” do Norte aos países empobrecidos. Ler artigo>>>>
Malia as críticas, Barcelona Acció Solidaria ten anunciado que o próximo ano organizará unha nova edición da caravana solidaria, que será concebida coma unha “homenaxe” ás tres persoas voluntarias secuestradas en Mauritania. Sexa coma sexa, o debate sobre as caravanas solidarias seguirá aberto os próximos meses.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.