Despois de numerosos meses de redaccións, presentación de alegacións e negociacións; o II Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2010-2013, aprobouse onte na Cámara de Galicia cos votos a favor dos tres grupos parlamentarios.
A lectura global é positiva. O II Plan Director aprobouse tendo en conta un longo proceso de alegacións nos que participaron moi activamente as comisións de traballo que forman parte da Coordinadora Galega de ONGD. A pesar de non estar dispoñible a acta parlamentaria, pódese destacar como salientable o compromiso explícito de operativizar unha Axencia de Cooperación Galega antes de que finalice a vixencia do plan (aínda que as funcións e as características da Axencia quedarán por determinar) e a inclusión do «pobo palestino» como colectivo prioritario nas axudas.
O único punto de discordia recaeu sobre a concreción das anualidades para cada un dos exercicios. O PPdG votou en contra desta proposta do PSOE e o BNG e non se comprometeu a incluír uns importes mínimos para as próximas anualidades, alegando que o contexto económico non permite un compromiso destas características. Aínda así, o Plan incorpora un indicador no cal se especifica que en 2013 se fará «un desembolso anual» comprendido entre os 17,5 e os 23,2 millóns de euros.
Anuncio de Pilar Romero
A Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, anunciaba onte ás 16:00 horas no auditorio da Facultade de Filosofía, a esperada aprobación deste II Plan Director. A súa introducción formaba parte do Seminario A Declaración de París sobre a eficacia da axuda, un evento organizado pola Coordinadora Galega de ONGD que tiña como obxectivo reflexionar e achegar aos e ás participantes as reflexións críticas e construtivas dos compromisos recollidos na Declaración de París (2005) e na Axenda de Acción de Accra (2008).
O espazo de reflexión xerado a través das poñencias do profesor da USC, Carlos Teijo, e o investigador do Instituto Complutense de Estudios Internacionales (ICEI), Ignacio Martínez, serviu para cuestionar se o novo Plan Director incorpora estratexias de apropiación, aliñamento e armonización da axuda. E neste sentido, por exemplo, tanto os poñentes como o público asistente valoraron positivamente a redución do número de países prioritarios e, polo tanto, da concentración xeográfica pola que aposta o novo Plan. (As rexións prioritarias para a cooperación galega son; en África: Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique, xunto coa poboación saharauí. En América do Sur: Perú, Ecuador e Bolivia. No Caribe, Haití e República Dominicana; e Honduras, O Salvador, Nicaragua e Guatemala en Centroamérica).
Un longo proceso
É preciso remontarse ao pasado 5 de marzo para lembrar a primeira sesión do ano 2010 do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE). As negociacións previas e posteriores a dita reunión evidencian unha característica ben importante deste II Plan Director: a aposta por un diálogo máis preto entre as políticas públicas e o Terceiro Sector (a pesares de que o marco de manobra deste último segue a ser bastante limitado). Despois da aprobación do documento final polo Consello da Xunta, o II Plan Director pasou ao Parlamento onde onte foi aprobado por unanimidade.
Nas próximas semanas a Subdirección Xeral de Cooperación Exterior (SXCE) modificará os cambios aprobados no Parlamento e, unha vez revisado o documento final polo Director Xeral e polo Conselleiro de Presidencia, o II Plan Director da Cooperación Galega estará listo para a súa consulta e difusión. Segundo anunciarion dende a propia SXCE, nas próximas semanas celebrarase unha xornada de presentación e difusión do novo Plan Director, da avaliación do antigo Plan e, posiblemente, do actual Plan Director da Cooperación Española. O obxectivo: dar a coñecer os documentos estratéxicos vixentes e traballar cara a harmonización, apropiación e aliñamento das políticas de cooperación.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.