O alumnado de tres centros composteláns, dúas alumnas da USC e os representantes da Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación, formaron a canteira educativa galega que levou a súa mensaxe reivindicativa ata o Pazo de Raxoi.
O 26 de maio foi un día para recordar no Pazo de Raxoi. Foi o día no que, a través da alegoría futbolística motivada polo Mundial de Sudáfrica, se xogou un relevante partido para situar a actuación do goberno galego no panorama educativo mundial. O alumnado dos centros compostelás CEIP López Ferreiro, IES Eduardo Pondal e IES Rosalía de Castro, xunto con dúas alumnas da USC; conformaron o equipo de embaixadores da campaña que, en representación de todo o alumnado galego, lle fixeron entrega ao presidente da Xunta dos balóns de peticións elaborados polos estudantes, e solicitaron a súa adhesión á campaña.
Comeza o partido
Foi Francisco Vallverdú quen iniciou o xogo en representación da Coalición Galega da Campaña Mundial pola Educación (que está formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras, Entreculturas, InteRed, Jovenes y Desarrollo e o Seminario Galego de Educación pola Paz). Co obxectivo de contextualizar o acto, explicou o nacemento da campaña no ano 2000 tralo foro de Dakar, unha Campaña que dende entón, e seguindo coa metáfora, xoga o papel de árbitro que vixía o cumprimento das normas en todos os encontros. Cando comezou o partido no ano 2000 a situación da educación no mundo estaba en 3º rexional, e, aínda que nestes 10 anos se conseguiron avances importantes (máis de 40 millóns de nenos e nenas foron escolarizadas), no presente ano 2010 faltan 72 millóns de nenas e nenos por escolarizar e máis de 750 millóns de persoas adultas que non saben nin ler nin escribir.
O representante da coalición finalizou a súa intervención remarcando dúas ideas chaves para a consecución do obxectivo dunha Educación para Todas e Todos: “En tempos de crise, máis que nunca é cando unha sociedade, unha cidadanía, amosa a súa solidariedade” e “a nosa xeración é a primeira que pode e debe rematar coa pobreza no mundo, non deixemos escapar esta oportunidade”.
Segunda parte
Foron as embaixadoras e embaixadores de “Un Gol pola Educación” os que finalizaron o encontro alzando a voz e lendo con claridade as súas peticións: “Con tristura, comprobamos que os países ricos non queren pagar as entradas que darían acceso ao estadio da educación, porque destinan menos do 0’7% dos seus orzamentos a cooperación ao desenvolvemento”. “Sr. Presidente, queremos que Galicia se sitúe na Champions League da cooperación ao desenvolvemento. Se cadra, gustaríanos que mesmo gañase a Liga da Loita contra a Pobreza e da Educación para todas e todos”.
Compromiso
Unha vez rematada a lectura, os rapaces e rapazas fixéronlle entrega ao presidente Núñez Feijoo dun balón no que se recollen todas as peticións anteriores. O presidente da Xunta colleu a testemuña e felicitou aos alumnos e alumnas e aos integrantes das ONGs por “baixar á realidade e ver que hai outros mundos” e facerllo ver tamén á sociedade galega. Núñez Feijoo concretou a súa adhesión asinando na lousa de Un Gol pola Educación, comprometéndose a priorizar a educación e a saúde en todas as actuacións de cooperación que impulse o goberno galego. A este compromiso tamén se adheriron a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, e o Secretario Xeral de Educación e Ordenación Universitaria Jose Luis Vázquez que tamén asinaron no taboleiro.
Máis goles
O acto de onte foi un logro máis a engadir a todos os que a Campaña Mundial pola Educación leva conseguindo en Galicia dende o ano 2003. A súa relación coa sociedade galega queda forxada coa participación de máis de 100 centros educativos na súa campaña a través das unidades didácticas realizadas ao longo deste ano.
Para máis información sobre as actuacións da CME en Galicia
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.