05 de xullo de 2010 00:00
Resiliencia
A “resiliencia” é un termo anglosaxón que define a capacidade das persoas, institucións e sistemas de resistir e absorber os grandes impactos, reorganizándose para poder conservar e mellorar as súas funcións, estruturas e identidades afectivas. Sobre este concepto xiran as conclusións do último informe de Intermón Oxfam “A crise económica mundial e os países en desenvolvemento” no que se revela como esa capacidade de reorganización contribuíu a que non se reproducisen numerosos fenómenos que afectaron notablemente ao transcurso de crises anteriores, como poden ser o retorno da emigración, a conxelación das remesas ou a continuidade de moitos postos de traballo (aínda que afectados pola baixada salarial).
Que nos golpeou no 2009?
A investigación de
Intermón Oxfam sobre a crise económica mundial levouse a cabo en 12 países (Armenia, Burkina Faso, Camboya, Ecuador, Ghana, Indonesia, Nicaragua, Filipinas, Tailandia, Vanuatu, Vietnam e Zambia), e para realizala tivéronse en conta os resultados de estudos de universidades, grupos de expertos e organizacións internacionais. Neste estudo interviñeron preto de 2500 persoas co obxectivo de revelar a profundidade e complexidade dos impactos, as vulnerabilidades e a capacidade de resistencia tanto das persoas coma dos países pobres de todo o mundo.
É precisamente nesa capacidade onde se centran os resultados máis salientables deste informe; unha “resiliencia” que foi posible grazas a unha serie de condicións previas á crise baseadas fundamentalmente nas relacións entre sistemas e persoas. Os factores que, nesta ocasión, permitiron resistir ante o duro golpe foron:
- as redes sociais: no ámbito do fogar, a “resiliencia” fúndase na capacidade de facerse cargo das propias persoas, amigos e familiares, e da solidez das redes establecidas con grupos comunitarios, institucións locais e organismos relixiosos.
- as estruturas económicas: depender dun número de produtos reducidos ou directamente do mercado internacional aumenta notablemente a vulnerabilidade; por iso países como Brasil, que manteñen o control estatal sobre parte do sistema bancario, puideron canalizar os créditos cara os pequenos produtores e as pequenas e medianas empresas carentes de fondos.
- o papel do Estado: a “resiliencia” é maior cando os gobernos entran na crise con certo marxe fiscal (reservas altas, excedente orzamentario, e baixa carga da débeda).
- as políticas sociais: a atención gratuíta á saúde, á educación e os sistemas de protección social eficaces, reducen a vulnerabilidade das persoas pobres aos impactos derivados destes ámbitos e reduce o impacto que pode causar a caída de ingresos no fogar.
Non obstante, no estudo refórzase a idea dos límites desa “resiliencia”, xa que se trata dunha capacidade que precisa dunhas condicións previas favorables e a súa duración é a curto prazo. Os activos, unha vez esgotados, non se recuperan en moitos anos. É indispensable que os gobernos, os donantes e as institucións internacionais emprendan accións públicas edificadas sobre unha serie de “leccións para o futuro” que o propio texto de Intermón recomenda. Entre esas propostas, destacan a planificación previa para a crise, que se pode conseguir a través de inversións na prevención (adecuado regulamento das finanzas) e das probas de estrés ás súas políticas económicas. Tamén resultan necesarios o monitoreo do impacto; o mantemento dun diálogo xenuíno coas comunidades afectadas; o acceso á información; e atender especialmente a asuntos de xénero.
Tal e como se indica nas conclusións do informe, o fortalecemento da “resiliencia” e a redución da vulnerabilidade, son tarefas centrais do desenvolvemento. Nesta liña, resulta indispensable restablecer a “resiliencia” tras unha crise de forte impacto, xa que as capacidades físicas e psicolóxicas das comunidades máis pobres vense inevitablemente fatigadas.
Fuente:
Intermón Oxfam. Estudos