Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

  • En linea 4 visitante(s) en liña
  • Visitas Hoxe: 1255 accesos
  • Visitas Total: 2876989 accesos
  • Feed RSS 2.0 | ATOM 0.3

Suscrición ao boletín

Nome: Correo:


FORMAMOS PARTE DE

  • Asina a «X Solidaria» na túa declaración da Renta
  • Fiare
  • Coop 57
  • Coordinadora de ONGD - España
  • Quien debe a Quien

RECOMENDAMOS

  • Tempo Exterior
10 de xuño de 2010 00:00

“Será o século XXI máis pacífico que o anterior?”

Con este interrogante comeza o estudo “Alerta 2010! Informe sobre conflictos, derechos humanos y construcción de paz”, un anuario realizado pola Escola de cultura de Pau no que se analiza o estado do mundo en termos de conflitividade e construción de paz a partir de seis eixos de análise: conflitos armados, tensións, procesos de paz, crises humanitarias, dereitos humanos e xustiza transicional e dimensión de xénero na construción da paz. Os resultados do acontecido no pasado ano 2009 demostra que se avanza moi lentamente na resolución de conflitos e alivio de tensións en determinadas zonas do planeta. Non obstante, é salientable a percepción de certa sensibilidade cara este tipo de cuestións, pois a construción da paz está sendo unha preocupación para a comunidade internacional.

A conflitividade en datos

No ano 2009 rexistráronse 31 conflitos armados, pero a redución das hostilidades en Sri Lanka (nordeste) e India (Nagalandia) fixo que, ao finalizar o ano, o número de conflitos activos se reducise a 29. Os escenarios nos que tiveron lugar foron maioritariamente en Asia (onde se produciron 14 conflitos) e en África (10). Os conflitos armados de maior intensidade tiveron lugar en Afganistán, Colombia, Iraq, RD Congo (leste), Pakistán (noroeste), Somalia, Sri Lanka, Sudán (meridional) e Uganda (norte). O informe establece un patrón común de conflitividade, xa que case dous de cada tres conflitos (19 sobre 31) fan referencia ás aspiracións identitarias ou demandas de maior autogoberno. Non obstante, o número de situacións problemáticas a nivel mundial aumenta considerablemente cando se inclúen as zonas de tensión. É importante ter en conta que, tal e como afirmou no ano 2008 o Grupo Directivo sobre os ODM en África, “a ameaza persistente de conflito ameaza con reverter os progresos de desenvolvemento logrados en moitas rexións do continente”.

Considérase tensión aquela situación na que a persecución de determinados obxectivos ou a non satisfacción de certas demandas implica altos niveis de mobilización política, social ou militar e/ou un uso da violencia cunha intensidade que non acada os niveis de conflito armado. Ao longo do ano 2009 contabilizáronse 79 escenarios de tensión no mundo, concentrados principalmente en África (25) e Asia(22). A nivel global, a maioría das tensións presentaron unha intensidade media ou baixa; pero en 11 casos se rexistraron altos niveis de intensidade, entre eles Etiopía, Guinea, Sudán, Nixeria, Pakistán, Sri Lanka, Irán, a provincia china de Turquestán Oriental, Perú e a rexión rusa de Daguestán. É importante salientar que, a maior parte das tensións rexistradas durante o 2009 se intensificaron (45%) ou se mantiveron en niveis similares de violencia respecto ao ano 2008.

Os procesos de paz e o círculo da violencia

Ao longo do ano 2009 finalizaron as negociacións en nove conflitos, destacando especialmente o acordo de paz acadado en Somalia entre o Goberno Federal de Transición e a facción moderada da coalición de grupos opositores ARS (Alianza para a Reliberación de Somalia). A Escola de Cultura de Pau elabora mensualmente, dende hai uns anos, un índice sobre o estado das negociacións de paz existentes no mundo, co obxecto de analizar as dinámicas xerais dos procesos. No ano 2009 este índice analiza unha selección de 33 negociacións. O ano rematou cunha media mensual de 1,2 puntos, fronte á media de 1,1 en 2007, 1,2 en 2006, 1,3 en 2005 e 1,4 en 2004). Segundo os informes, os motivos máis frecuentes que explican as crises de boa parte das negociacións foron, como en anos anteriores, a desconfianza, as escisións ou disidencias dos grupos armados e a desconfianza entre as partes.

O índice analizado permite, ademais, descubrir os obstáculos que existen para manter á maioría dos procesos nunha evolución positiva e de forma sostida. A firma dun acordo de paz non é máis que o inicio do verdadeiro proceso pacífico, que está inevitablemente vinculado á etapa de “rehabilitación posbélica”; un período difícil pero onde se realizan as actuacións que, de ter éxito, permitirán falar con propiedade do “logro da paz”.

Tal e como se indica no prólogo de Alerta 2010!, a violencia reprodúcese a si mesma no tempo e no espazo. Estamos a falar de conflitos que levan vixentes máis de tres décadas onde a violencia é unha forma de vida. Traballar duramente na rehabilitación posbélica, na ruptura deses círculos interxeneracionais de violencia, resulta imprescindible para manter os logros pacíficos acadados e non converter ao século XXI no herdeiro bélico do mortífero século XX.
 

Fuente: Escola de Cultura de Pau

ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.