Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

  • En linea 5 visitante(s) en liña
  • Visitas Hoxe: 3110 accesos
  • Visitas Total: 2878844 accesos
  • Feed RSS 2.0 | ATOM 0.3

Suscrición ao boletín

Nome: Correo:


FORMAMOS PARTE DE

  • Asina a «X Solidaria» na túa declaración da Renta
  • Fiare
  • Coop 57
  • Coordinadora de ONGD - España
  • Quien debe a Quien

RECOMENDAMOS

  • Tempo Exterior
26 de maio de 2010 00:00

Un informe do Col·legi de Periodistes revela que a loita contra a pobreza e a cooperación non son temas prioritarios nas axendas da prensa europea

As ONGD son as que conseguen colocar máis noticias específicas de cooperación na axenda mediática

 Tres meses de investigación. Nove diarios europeos analizados. Un monto de 86.859 Unidades Xornalísticas das que finalmente se discriminaron 3.025 noticias vinculadas ao mundo da cooperación. E, tras unha minuciosa codificación a distintos niveis, xurde o día 6 de maio a investigación “A prensa e a cooperación internacional. Cobertura da cooperación ao desenvolvemento en nove diarios europeos” realizada polo Col·legi de Periodistes de Catalunya.Un documento no que se conclúe que, a pesar de que os medios estudados abordan de xeito regular temáticas derivadas da cooperación, o espazo que lle dedican é moi reducido pois a penas chega ao 3,5% do seu contido.

Ao longo dun trimestre, o Col•legi de Periodistes de Catalunya analizou a cobertura e o tratamento da cooperación para o desenvolvemento en nove diarios europeos. Os ingleses The Daily Telegraph, The Guardian e The Times; os franceses Le Figaro, Le Monde e Libération; e os españois ABC, El País e La Vanguardia. Os datos obtidos indican que o interese mediático entorno á cooperación está altamente focalizado nos temas de maior contido político, quedando moi relegados asuntos de tanta importancia como a loita contra a pobreza, que só aparece nun 8,1% dos contidos referentes á cooperación, a pesar da súa situación central na axenda internacional de desenvolvemento e mas estratexias nacionais de España, Francia e Reino Unido.

Seguindo a ilustre cita do profesor de Ciencia Política Bernard Cohen, a prensa non indica o que a xente debe pensar, pero si sobre qué temas deben facelo. Isto parece ter especial vixencia na actualidade, cando existen unha serie de contidos que a penas teñen presenza nos medios. A mostra de noticias que conforman o estudo indican que, durante tres meses, os nove diarios europeos só citan os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio en 20 ocasións, informan sobre o acceso á educación nun 2,1%, sobre o acceso á sanidade nun 3,6%, e sobre o acceso á auga e o saneamento nun 0,9%. Pola contra, os tres grandes temas na axenda da cooperación internacional para o desenvolvemento son, en primeiro lugar, o fortalecemento da democracia (31%), a protección do medio ambiente (21,9%) e o bo goberno mundial (18,2%).

Cooperación e loita partidista

A presenza do 3,5% de temas vinculados á cooperación nas nove cabeceiras europeas indica que, a pesar da baixa porcentaxe, estamos ante un tema cunha presenza constante nas edicións diarias. Non obstante, de toda esa cantidade de contidos, só o 3,2% das informacións cuestionan a cooperación ou a Axuda Oficial ao Desenvolvemento; e, de todas esas noticias críticas, o 76,5% atópanse publicadas en cabeceiras de centro-dereita. Se se analizan os datos en función dos países, obsérvase que en España e Reino Unido (onde gobernaban no período de estudo partidos de centro-esquerda) é a prensa de centro-dereita a que incorpora o maior número de noticias críticas; mentres que en Francia (cun goberno de centro-dereita) é a prensa de centro-esquerda a máis crítica. Os datos obtidos reforzan a hipótese de que a cooperación para o desenvolvemento ten unha forte vinculación á axenda política, o que a converte nun instrumento a utilizar na loita partidista, concretamente na oposición político-mediática.

O papel das ONGD

As ONGD teñen unha función fundamental no plantexamento mediático da cooperación para o desenvolvemento. O estudo “A prensa e a cooperación internacional” estableceu na súa metodoloxía unha diferenza entre aquelas novas nas que a cooperación é a protagonista da noticia, e as informacións nas que aparece de xeito complementario. Guiándonos por esta diferenciación, o estudo conclúe que son as ONGD as que conseguen introducir na axenda mediática máis noticias específicas sobre cooperación ao desenvolvemento (58,4%). Segundo os autores do estudo, este dato permítenos inferir que son as organizacións non gobernamentais os actores que a cidadanía identifica en maior medida coa cooperación internacional.

A axenda mediática e a opinión da audiencia

As conclusións do estudo resultan aínda máis reveladoras cando se cruzan os seus resultados con outro tipo de informes. A enquisa do apoio cidadán á Cooperación Europea, publicada polo Eurobarómetro da UE (informe da AECID) a finais de 2009, revela que o 42% dos europeos entrevistados considera que a cobertura informativa sobre temas vinculados ao desenvolvemento é “demasiado pouca”, e o 88% apoia a axuda europea ao desenvolvemento, incluso no período de forte recesión actual. Sen embargo, a oferta mediática parece non concordar coas demandas da súa audiencia. O informe demostra que non se trata tanto dunha cuestión de cantidade (xa que se percibe unha regularidade temporal nas informacións) senón de calidade nas mesmas. Un dato do Eurobarómetro confirma esta interpretación ao recalcar que só o 5% dos europeos entrevistados coñecen os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, unhas metas que marcaron un importante impulso no mundo da cooperación ao desenvolvemento.

A asistencia humanitaria: o caso de Haití

A prioridade na axenda informativa queda trazada no estudo en tres eixos fundamentais: a asistencia humanitaria e de emerxencia (desastres naturais), a protección do medio ambiente (Cume do Clima), e o bo goberno mundial. En relación co primeiro dos puntos, outro informe recente realizado por xornalistas estudantes do Curso de especialistas en información internacional e países do Sur (IPPAI), analiza o tratamento informativo do terremoto en Haití por parte dos medios de comunicación e das ONG. Nun claro momento de protagonismo mediático, a cobertura realizada polos medios estatais (concretamente por La Vanguardia, El Mundo, El País e Público) durante os cinco días posteriores ao terremoto foi valorada negativamente por este estudo, que destaca a recreación en aspectos negativos que potencian unha imaxe dunha poboación haitiana sen iniciativa propia e dependentes da axuda externa. Baseándonos nas porcentaxes do estudo destacamos que o 59% das noticias e o 61% das fotografías analizadas teñen un enfoque negativo, o 71% das informacións están firmadas fóra de Haití, e o 85% das fontes son estranxeiras fronte un 15% de noticias que utilizan fontes locais.

Por outro lado, o informe valora positivamente os datos exhaustivos que algunhas das ONG ofreceron para cubrir a situación, destacando especialmente que mostrasen a súa coordinación coas organizacións locais.

Para acceder ao estudo completo “A prensa e a cooperación internacional. Cobertura da cooperación para o desenvolvemento en nove diarios europeos”.

Para acceder a máis información sobre o informe mediático de Haití

ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.