A Asociación para o comercio xusto e solidario PANXEA naceu en Compostela en 1995 coma unha asociación sen ánimo de lucro. A organización traballa nos eidos de Comercio Xusto, Consumo Responsable, Soberanía Alimentaria e Economía social, alternativa e solidaria (especialmente cooperativismo e finanzas éticas).
Os seus principais obxectivos son a sensibilización da sociedade galega e a participación activa en diversas iniciativas de economía social, alternativa e solidaria, especialmente as relacionadas co comercio xusto, e o consumo responsable dende a perspectiva da soberanía alimentaria. Traballa para impulsar cambios que, dende o pequeno e o local, muden as estruturas a prol da xustiza social, ecolóxica e de xénero, e nas relacións comerciais norte-sur, pero tamén norte-norte, e sur-sur, promovendo igualmente a paz e o desenvolvemento sustentable.
PANXEA forma parte da Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD dende 2008. Ademais, traballa en rede coa Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos, a Rede Galega de Consumo Consciente e Responsábel, Fiare Galiza, e a nivel estatal e ibérico, forma parte do “Espacio por un Comercio Justo”.
En febreiro de 2010, a tenda de comercio xusto que PANXEA ten na Rúa da Rosa, 36 (Compostela) pasou a ser xestinada por unha Cooperativa de Consumidores/as e Usuarios/as.
Rúa da Rosa, 36 baixo
Santiago de Compostela
A Coruña
15701
Teléfono: 981 93 72 38
panxea@panxea.org
www.panxea.org
Algunhas das actividades que PANXEA ten posto en marcha son, por un lado, os programas de sensibilización en Comercio Xusto e Consumo Responsable en centros educativos galegos e, polo outro, o traballo en rede “As mulleres alimentan o mundo” (Comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega de ONGD), ou a campaña de captación de socios/as de Fiare-Galiza. Outra das tarefas que actualmente están a desenvolver é a dinamización do novo local social (charlas, obradoiros, exposicións, …) e a implementación do Centro de Recursos.
En 2009 o orzamento de PANXEA foi de 58.189,09 € e, en 2010 de 72.363,61 €.
Actualmente a organización non ten ningunha persoa contratada, conta con 20 voluntarios/as e 51 socios/as, 1 deles fóra de Galicia.
ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.