Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento

  • En linea 7 visitante(s) en liña
  • Visitas Hoxe: 468 accesos
  • Visitas Total: 350867 accesos
  • Feed RSS 2.0 | ATOM 0.3

Suscrición ao boletín

Nome: Correo:


  • Coordinadora de ONGD - España
  • Quien debe a Quien
  • Tempo Exterior
  • Altermundo

Fai doble clic no mapa para visión máis próxima das ONGs por localidades

 

Todos | 0 | 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 | 8 | 9 | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z
  1. Ámbitos de Acción
  1. Local

Que fan as ONGD?

Eidos de traballo das ONGD
 
As ONGD, cada unha desde as súas particularidades e dentro dos trazos comúns de identidade e concepto sinalados, desenvolven o seu traballo en distintos eidos:
 
Programas e proxectos de desenvolvemento
O traballo que as ONGD realizan no Sur pretende actuar contra as causas estruturais da pobreza e propiciar o desenvolvemento social dos pobos aos que se dirixe.
Para isto, é necesario analizar as causas dos seus problemas, manter un diálogo fluído e un traballo constante coas organizacións do Sur e ter sempre en conta as prioridades e o protagonismo das beneficiarias e beneficiarios, así coma darlle prioridade aos grupos máis vulnerables ás desigualdades (xénero, etnia, etc.) e aos seus colectivos organizados, no marco da realidade social, económica e cultural dos mesmos.
 
A colaboración coas contrapartes do Sur debe traducirse nunha cooperación baseada na reciprocidade e no respecto para emprender obxectivos comúns. Esta colaboración pode ser de varios tipos:
• Apoio e asesoramento técnico e organizativo, que permita mellorar a capacidade técnica dos equipos operativos dos proxectos.
• Apoio económico ás iniciativas locais.
• Fomento da cooperación Sur-Sur para compartir experiencias similares e mellorar a eficacia.
• Seguimento e avaliación das accións emprendidas para coñecer o seu impacto real na poboación e tomar medidas encamiñadas a mellorar a calidade da cooperación.
 
No caso de proxectos realizados de forma conxunta cunha empresa, as ONGD velarán por manter a súas singularidades, entre elas a de contribuír ao fortalecemento do tecido social e organizativo dos países do Sur, evitando converterse en meras executoras de accións e favorecendo o exercicio da responsabilidade social da empresa coa que executen o proxecto.
 
Educación para o desenvolvemento e sensibilización
Esta actividade é un proceso activo e creativo que promove un cambio de actitudes e comportamentos na sociedade, fomentando os valores da xustiza e a solidariedade. Coa educación para o desenvolvemento e a sensibilización, as ONGD pretenden:
 
• Manter á opinión pública informada da realidade da pobreza no mundo e das causas e estruturas que a perpetúan e facilitar unha mellor comprensión da interdependencia entre países, das causas da desigualdade e das súas posibles solucións.
• Fomentar na opinión pública un ambiente de comprensión e de respecto dos costumes e formas de vida doutras culturas.
• Promover valores e actitudes tendentes a un cambio social baseado en criterios de xustiza, paz, equidade, igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes, democracia, participación, solidariedade e coidado do medio ambiente.
• Estimular un compromiso concreto cos países empobrecidos.
 
Investigación e reflexión
As ONGD deben buscar, xunto coas súas contrapartes do Sur, a creación dun pensamento solidario que afonde na realidade e parta dunha análise científica da mesma e da súa propia experiencia.
Estas accións concretaranse en proxectos de investigación, publicacións, cursos de formación, seminarios e obradoiros, foros de discusión e participación en conferencias internacionais.
 
Incidencia política
Enténdese por incidencia política o conxunto de accións de información, diálogo, presión e/ou denuncia (a través da mobilización social, a participación en órganos representativos, etc.) que as ONGD deben realizar. Accións destinadas a persoas e institucións públicas,
así coma a colectivos e entidades privadas con capacidade de decisión naquilo que afecta ás poboacións do Sur, coa finalidade de influír de forma positiva nas relacións entre os pobos e en defensa dos colectivos máis vulnerables de todo o mundo.
 
Comercio xusto
O comercio xusto é un movemento internacional que pretende establecer relacións comerciais internacionais xustas e igualitarias que posibiliten condicións laborais dignas para as traballadoras e traballadores do Sur. Estas relacións comerciais deben respectar os seguintes principios:
 
• Eliminación de intermediacións innecesarias, mediante a compra directa ás organizacións de produtoras e produtores do Sur.
• Fixación de prezos de forma consensuada coas persoas produtoras.
• Respecto ao medio ambiente, ás minorías e ás poboacións indíxenas.
• Apoio aos grupos máis débiles e mantemento de relacións comerciais estables.
• Cuestionamento do funcionamento e estruturas inxustas do comercio internacional.
 
Acción humanitaria e de emerxencia
As ONGD que traballan neste ámbito dan apoio a poboacións afectadas por desastres ou catástrofes que provocan danos, perdas económicas, perda de vidas humanas e deterioro da saúde ou dos servizos comunitarios básicos, en medida suficiente para esixir unha resposta excepcional. As ONGD traballan tamén en labores de prevención deste tipo de situacións.
 
A axuda humanitaria debe orientarse sempre cara ao desenvolvemento e potenciar a utilización dos recursos locais, tendo en conta a poboación afectada e buscando en todo momento a súa participación activa. Debe asegurarse, ademais, de non estar condicionada polos intereses de calquera goberno nin de grupos empresariais.
 
As accións de emerxencia inclúen tanto a identificación e a alerta coma a reacción perante as catástrofes. A reacción e a resposta deben ir acompañadas de iniciativas de denuncia e de presión política.

ir ó principio© 2007-2009 Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento
Santiago de Compostela. Galicia. España - Todos os dereitos reservados.